A primeira meiga na vida de Antón Fraguas

Lembranza de cinco personaxes na néboa do escritor do Día das Letras Galegas

TRAVIESO QUELLE NON escribiu os catro vellos mariñeiros de Viveiro, pero se cadra para vingarse, asegura ter escoitado a Antón Fraguas nunha conferencia que Pérez Lugín plaxia a Casa da Troya do Pascual López, da Pardo Bazán. Foi a primeira novela da condesa e titulouna por enteiro Pascual López, autobiografía de un estudiante de medicina. Ela sempre dixo con gran fachenda que o Pascual tivera moito éxito, o cal é verdade.

Non penso que Fraguas dixese exactamente que era un plaxio, porque para cometer ese delito cómpre algo máis que un argumento semellante, un mesmo escenario e catro ou cinco coincidencias nos nomes dos personaxes.

O que pasa é que o terreo estaba regado e Pérez Lugín xa pasara pola acusación de José Signo e por toda aquela outra zarapallada de Camilo Bargiela que tenta deixar en mal lugar ao troyano de maior sona de Compostela.

Amais, a Travieso Quelle víñalle ben para o artigo afirmar que Fraguas dixera o do plaxio, unha licencia admitida entre todos os columnistas do mundo. E aínda por riba, quen sabe se realmente o dixo ou non?

Fraguas (Cotobade, 1905) nace na parroquia de Santiago de Loureiro, como o fixera Lorenzo García Vidal sesenta años antes. Lorenzo vive unha extraordinaria historia de amor con Florentina García que se lembra nunha lápida de Loureiro. Logo, xa de adulto, foi nomeado gobernador civil de Lugo en clara demostración de que nesta vida primeiro se pode ser heroe dunha traxedia romántica e máis adiante Poncio lucense, sen solución de continuidade.

Antón Fraguas tivo que coñecer a historia de Lorenzo e Florentina á forza, porque os de Loureiro se zoscan cacholadas coa pedra cada vez que pisan o adro da súa igrexa. O que non sei é se escribe algunha vez dela, aínda que estou por apostar que si. Polo plaxio, non; polos amores de Lorenzo, si.

Unha vez, cando xa era lucense de adopción, preguntáronlle a Fraguas pola xente ilustre de Cotobade, como dicindo, “…amais de vostede, quen?” e o catedrático falou de Salustiano Portela Pazos, o crego que escribe O cañón de pau; do xornalista Manuel Fraga, que non era Iribarne, senón de Lis; e do teólogo da liberación, Julio Lois Fernández.

Non pasan dous días e José Luis Bugallal xa lle está afear que non cite a un terceiro crego nado no concello, o moi soado párroco de Cesullas, Saturnino Cuiñas Lois, promotor naquelas terras do Berro Seco, e como di Bugallal, mallador de cunchas, recolledor de vellas músicas, tanxedor de zanfona, tocador de gaita e mil cousas máis, case sempre sinfónicas.

Non, non o citou, e iso que Fraguas estaba máis preto de Cuiñas Lois que dos outros tres, porque no tocante a etnografía, o de Cesullas era toda unha referencia.

Claro que postos a atopar esquecementos na lista dos cotobadenses realizada por Fraguas, habería que subliñar ao propio García Vidal, o home do Fernández Villaverde en Galicia, e á muller que influíu decisivamente na súa vocación etnográfica e da que posiblemente ninguén se lembre nestes días de exaltación do egrexio profesor, por heterodoxa. Falamos da meiga Rosiña de Mirón, que atendía consultas nesa aldea de Ponte Caldelas, a tan só dez quilómetros de Loureiro. Foi a primeira bruxa que tivo de diante. Logo di que en Santiago coñece a catro máis, pero que xa viaxaban en automóbil, non en vasoira.

Comenta