Archivo de Agosto, 2013

Ramón Ferreiro e Guillén

Jueves, 1 de Agosto, 2013

Do gobernador Ramón Ferreiro Rodríguez-Lago se fala moito nos últimos tempos, pero case sempre para agochar todos aqueles aspectos da súa biografía que podan ser favorables ao personaxe, en liña cun maniqueismo propio de nenos que xogan a indios e vaqueiros, ou de adultos que se deixan manipular por catro laretas. Iso si, protexidos por unha Lei da Memoria Histórica que ten como finalidade borrar da memoria colectiva todo o que impida o nacemento dos novos ditadores.

Por dar nome a unha das principais avenidas de Lugo, de Ramón Ferreiro se borra ata o feito de que el foi un dos seus principais impulsores a fin de dispoñer nela o que entón chamaron con pompa e razón a Cidade Cultural de Lugo, pois alí reciben cultura boa parte dos lucenses nestes últimos setenta anos.

Das referencias a Ramón Ferreiro desaparece por arte de maxia todo o labor creativo de centros de ensino na provincia e desaparecen, como non, todos cantos títulos deu ao prelo a súa escrita.

Aínda que de pais lucenses, Ramón Ferreiro nace en Valladolid, onde o seu irmán Fernando será alcalde. Esta circunstancia, a do seu berce castelán, permite que a súa obra poética figure na Antología de quince poetas vallisoletanos, que encabeza nada menos que Jorge Guillén e na que tamén son escolmadas as obras de Fernando Allue, Francisco Javier Martín Abril, Angel de Pablos, López Anglada e Pablo Ares ata chegar aos quince.

Para os amantes das rarezas bibliográficas diremos que a antoloxía está esgotada en orixe, pero na rede atopámola en catro ou cinco librerías españolas _ é unha edición de 1972 _, con prezos que van entre os oito e os quince euros.

Unha das súas obras, La mirada abierta. Semiversos y Prosas ingenuas, aparece en Lugo, editada por Celta.