Archivo de Agosto, 2013

Córdoba anoxada

Domingo, 11 de Agosto, 2013

Formoso Lamas

O artigo que Afonso Eiré asina en El Progreso coa tese de que Gonzalo Fernández de Córdoba, o Gran Capitán, non é de Córdoba, senón de Chantada, chega ata aquela cidade andaluza e ao lelo, o gobernador brada na intimidade do seu despacho botando escumallo pola boca:

_Quen ousa soster semellante parvada? Señorita, póñame de contado co señor gobernador de Lugo!

O señor gobernador de Lugo era daquela Guillermo Ruipérez Pérez del Gallego, que nin lera o artigo, nin en todo caso lle dera a importancia que si parecía ter para o seu colega cordobés. Aínda así, asume como propio o cabreo dos andaluces e disponse a actuar en consecuencia.

Ruipérez chama a Pedro de Llano, Bocelo, director do xornal, e comínao a presentarse no Goberno Civil na compaña do autor do texto ás doce de mañá do día seguinte.

O que segue é imaxinable. Bocelo fala con Eiré en termos parecidos a estes: _Temos aos cordobeses alporizados e de propina, tamén ao noso gobernador. Din que o Gran Capitán non é de Chantada. Vén mañá a Lugo, para depoñer diante del.

Afonso colle o coche de liña e chega á rúa José Antonio pouco antes da cita con Ruipérez. O director pregúntalle de onde sacara a teoría chantadina do Gran Capitán e o colaborador, que vén de cumprir os quince anos, dílle: Deste libro, Apuntes para la Historia de Chantada (1905).

Trátase do texto de Manuel Formoso Lamas, un mestre de San Vicente de Burras (Arzúa), que amais de deixar un grato recordo en Chantada, aporta varios traballos históricos de interese, como é o citado libro.

_Ben, se cho preguntan, dillo _aconséllalle Bocelo _, pero o exemplar non o levamos, porque poden requisalo, e se o asunto vai máis aló, non o teríamos como proba. (Cont.)

O mociño Afonso

Sábado, 10 de Agosto, 2013

O Gran Capitán

Vén sendo hora de deixar aos gobernadores, pero Castro, que é moi cumprido cos de fóra, non quería dar un paso máis sen telos despachados.

O home está moi satisfeito porque no mes que levabamos de colaboración amañou o caso do mestre Pereira, o alcalde Orozco díxolle que aparecera a placa do Doutor Castro e que estaba camiño de volver á súa rúa, e descubriu, entroutras, que Lerroux tivo unha noiva na cidade e que Luis Ciges fíxose pasar en Lugo por espía alemán. Non está mal para xullo.

Antes de abrir un novo caso que lle dá voltas nesa cachola que ten chea de enigmas, particípame a coda bufa prometida.

Cando o xornalista chantadino Afonso Eiré non é máis que un rapazolo de catorce ou quince anos, comeza a colaborar en El Progreso. Ánxel Gómez Montero, o debuxante, tallista e correspondente do xornal alí, faille un oco para que escriba as crónicas do Chantada. “En galego e con Franco no Prado!”, como di Pucheiro sen aforro de decibelios. Tamén comeza a colaborar na Táboa Redonda que dirixe Fole na época de Bocelo.

_Trouxéralle un artigo en galego e o Fole me dixo que lle derá unha volta. “Xa lla dei”, contesteille. Ah! Pois logo publicámolo. E así comecei.

Afoutado polos éxitos, o mozo Afonso fai como Trillo e vai de El Salvador a Honduras, é dicir, que os seus traballos son cada vez de máis profundidade. Tanta, que nun deles chega a dicir que Gonzalo Fernández de Córdoba, o Gran Capitán, non nacera en Montilla, dentro desa provincia española, senón en Chantada; unha historia, por demais, ben traída, por ser el dos Fernández de Temes, de Chantada, que conquistaron Córdoba, “e claro, chamárono de Córdoba, pero ser era de Chantada”, aseguraba Afonso. (Continúa, por suposto)

O gobernador académico

Viernes, 9 de Agosto, 2013

Enrique Otero Aenlle e a súa muller na presidencia do Emma Cuervo do 1965
(Fotografía de Antonio Pertejo)

Otero Aenlle foi investigador do Consello Superior de IC, colaborador do Instituto Pasteur, especialista na análise de graxas, ceras e aceites, e autor de dúas ducias de traballos no eido das súas especialidades, amais de varios discursos históricos e de vangarda científica, como son Orden y estabilidad en los sistemas biológicos, que pronuncia para o seu ingreso na Academia de Doutores, e Momentos estelares de la ciencia, para o da Academia de Farmacia.

Nesa ocasión é entrevistado por El País sobre a mecánica cuántica e ondulatoria, aínda que a teoría de Max Planck estaba a piques de cumplir xa os 75 anos e Otero a abordara en anteriores traballos.

Tamén daquela dá conta das estructuras disipativas do físico-químico belga de orixe rusa, Ilye Prigogine, o mesmo ano no que este merece o Premio Nobel de Química por tal motivo.

_Dito queda para un mellor coñecemento dalgún dos que foron os nosos gobernadores civís, e ata o segundo terzo do século XX, presidentes da Deputación provincial ao mesmo tempo _ di Castro _. Poucos, agás Ferreiro, Otero Aenlle e Barrera Maseda, procedían ou tiñan algún vencello anterior coa provincia de Lugo, un dos requisitos que durante tempo impoñen os sucesivos gobernos para nomealos. Ese perfil que precisa dunha orixe allea finaliza coa creación da figura do subdelegado do Goberno, cando comeza a ser de obriga que o nomeado pertenza de nacemento á súa provincia.

Historiadores das capitais limítrofes con Madrid quéixanse de que Toledo, Ávila, Segovia… nunca tiveran gobernadores de seu pola proximidade e dependencia de Madrid. Que non podería dicir Lugo nese sentido? Para mañá Castro promete unha coda bufa.

A calefacción de Otero

Jueves, 8 de Agosto, 2013

Enrique Otero Aenlle inaugura o camino vecinal de San Esteban, na Pontenova

O científico Enrique Otero Aenlle, fóra dos ámbitos propios da físico-química e da farmacia, está absolutamente eclipsado polos cargos públicos que ocupa: alcalde de Santiago, e gobernador civil de Lugo e Salamanca.

_Se cadra é un efecto máis desa pulsión autodestrutiva que nos leva a avanzar con dous pasos adiante e un atrás, como tantas veces se ten dito a partir de Díaz Castro _ comenta o doutor enfurruñado.

E sen embargo, o ribadense foi un home de primeira liña nas súas especialidades, un aspecto que non se deixa ver debaixo do uniforme branco e da tremoia do réxime.

Otero chega a Lugo precedido dunha polémica ben pavera, que diría Fole; pois en Santiago se falou moito e sen aforrar en chistes do seu plan para dotar de calefacción os soportais das rúas Nova e do Vilar.

A idea lévase a cabo mediante uns radiadores que fan máis agradable o paseo por eses empedrados durante o inverno, pois polo verán o percorrido era entre Bautizados e a Alameda. Algunhas rúas de Finlandia están dotadas hoxe coas vantaxes que Otero adianta para a súa cidade, e non é difícil atopar veciños que aínda lembran con mágoa a supresión do servizo, decretada moito antes de comezar a crise actual. Castro intúe que dalgún xeito Otero Aenlle utiliza os seus coñecementos físico-quimícos-farmacéuticos para quentar aquelas ilustres rúas.

Enrique Otero e o catedrático de Becerreá Serafín García Fernández introducen en España a investigación en Físico-Química de Superficies, en concreto, a técnica das monocapas superficiais, de interese para a biofísica. Dese labor pioneiro son continuadoras durante un tempo as lucenses Isabel Sández Macho, actual decana de Farmacia, e Eva Yebra-Pimentel, entroutros.

Ancares / Vilcabamba

Miércoles, 7 de Agosto, 2013

Presentación en Lugo de Vilcabamba

José del Valle Vázquez non deixou obra escrita coñecida, pero sí o fixeron varios dos seus fillos en distintos eidos, como son os casos de José, no militar, Antonio, no histórico, Darío no agrícola, e Santiago del Valle Chousa, na investigación arqueolóxica, viaxes e aventuras ao redor da cidade inca de Vilcabamba, nas que tamén recibe a colaboración de Antonio e Darío nalgunha das expedicións realizadas ao reino inca perdido que se converteu no eixe pasional e vivencial do lucense.

O xornalista recoñece que esa afección pola descuberta e pola aventura ben puido medrar e consolidarse nas excursións que seu pai, o gobernador, organizaba xunto cos seus irmáns a Ancares, que segundo Castro non se debe dicir nunca en plural, Os Ancares, porque deriva do singular Antares.

_Se acaso, os montes Ancares. ¡Tampoco dirías nunca Os Himalayas!

_Está ben, non se me alporice.

A influenza do pai traerá os seus froitos, porque Santiago e as súas descubertas de Vilcabamba foron recoñecidos co premio da Sociedad Geográfica Española 2008, na mesma edición na que o reciben personalidades da categoría do antropólogo Claude Lévi-Strauss, morto o ano seguinte; o biólogo Javier Castroviejo, un dos oito fillos do escritor galego José María Castroviejo, o fotógrafo Alberto Schommer, o xeólogo Jerónimo López, ou as guías de viaxes Lonely.

Hai xa oito anos, Castro e mais eu tivemos a honra de presentar en Lugo o libro que ata ese momento contiña os avances de Santiago en terras americanas, xuntando para sempre o nome de Lugo e a historia dos incas.

_Chamándose Santiago, e apelidándose Del Valle, non vai cruzar os montes que queira? _ remata Castro.

Con Santiago del Valle

O paxaro do Goberno

Martes, 6 de Agosto, 2013

O despacho na época de Iglesias Rivera

O despacho dos gobernadores civís e delegados de Lugo era ata hai pouco _ non sei se sufríu cambios _, unha das estanzas públicas onde se conservaba con maior pegada a esencia do poder.

Os mobles traballados por alambicados ebanistas, co escudo lucense na palmeta do respaldo que soporta o lombo de tantos poncios, son mudas testemuñas da chegada das novas tecnoloxías sen que a eles lles atinxa a modernidade.

En tempos de Azcárraga houbo naquela estanza reservada unha pita do monte (urogallo) disecada que recordo ver publicada nalgunha fotografía cando Rivera Manso e Vega pasaban a mañá no despacho, facéndolle unha entrevista ao seu ocupante temporal.

Foi o nome castelán dese animal o escollido por Azcárraga para denominar a un grupo de pintores _ logo medrou a nómina co escultor Puchades _, aos que decide axudar cando ve a súa obra no Ferreirós. Os Urogallos eran Blas Lourés, Cancio Varela, Tino Prados, Gómez Pacios, Estrada e López Guntín. A eles cede un terceiro andar da Praza de Santo Domingo e dá axudas para a compra de material. Un mecenado que fai del un gobernador peculiar, como peculiar foi a su explicación do nomeamento. Pero fóra de Lugo, moitos españois lembran a Azcárraga non só polo Botón, senón por velo sendo comisario do Xacobeo 1976, que entón tiña por título máis exacto o de Ano Santo, no momento de anunciar que o primeiro acto da celebración, o 31 de decembro daquel ano, sería televisado por Eurovisión ¡a toda cor! O nunca visto. Como o Botón de Ancla… en color.

Cando o 30 de xullo de 1985 Azcárraga morre dun infarto na súa finca de Bertamiráns, a El País se lle esquece citar que foi gobernador de Lugo e todos os títulos de toda a súa extensa obra, agás o famoso Botón.

_Así non hai maneira de saír adiante _ bufa Castro.

O nabo naval

Lunes, 5 de Agosto, 2013

Fole, Sánchez Carro, Ameijide, Trapero, Puro Cora, Gallego Tato, Azcárraga, Pedrosa Latas, Armesto Buz y Rivera Manso

De José Luis Azcárraga y Bustamante cóntase aínda hoxe un chiste que el fai para explicar a súa chegada ao Goberno Civil de Lugo a principios dos anos sesenta.

_Sendo eu da carreira naval, o lóxico é que fose proposto para este cargo nunha provincia nabal como é a de Lugo.

Castro aproveita para facer chacota sobre chacota e di:

_Nabal ven de nabo, como o lector avisado non dubidará a pouco que coñeza Lugo, aínda que posiblemente, nin o lector nin Azcárraga tiveran presente que a terceira acepción de Nabo, tanto no DRAE como no DRAG, unha vez resolta a súa definición como raíz grosa de planta crucífera, é Pene. Isto é, o gobernador podía estar dicindo que a súa provincia de destino era unha terra de penes, ao tempo que tiña a todas as forzas vivas de Lugo sentadas no Salón Rexio do Círculo das Artes para aplaudilo, bispo e directiva de Acción Católica incluídos.

Os resultados foron dispares. Houbo quen viu nese xesto unha proba de bonhomía, ou mesmo de aperturismo; e houbo quen non tiña o corpo para fandangadas, especialmente se viñan da boca do gobernador civil da provincia.

Sexa como fose, o episodio ten o seu aquel desengraxante por suceder no ano 1961. Decátense vostedes de que pouco despois, Azcárraga vai ler en Barcelona o seu discurso titulado El poder naval como fuente de trabajo, diante de Luis Carrero Blanco, Pedro Nieto Antúnez e Camilo Alonso Vega, que non eran precisamente os sorrisos do réxime como Solís. Daquela, o exgobernador de Lugo coida con moito agarimo que a palabra Naval vaia co uve, non fosen crer as autoridades que estaba a facer un cántico de loanza ao poder do nabo.

Os dous botóns

Domingo, 4 de Agosto, 2013

Os créditos de Azcárraga, na esquina superior dereita

Se falamos de gobernadores e libros _ di Castro_, teñen que ocupar postos sobranceiros, ao carón dos xa citados _ Andicoberry, Ciges, Armiñán, Precioso, Ferreiro e o ramal dos Bermúdez de Castro, outros dous homes que pertencen xa ao ecuador do franquismo, os catedráticos Enrique Otero Aenlle e José Luis de Azcárraga y Bustamante.

Este último é autor de máis de dúas ducias de tratados sobre dereito internacional marítimo. El corso marítimo é un dos seus títulos máis citados nas bibliografías de todo o mundo, así como outro no que aborda o caso das augas xurisdicionais de Xibraltar.

Pero Azcárraga asina, cando menos, dous títulos que pouco teñen que ver coa súa especialidade profesional. Un é a novela Botón de Ancla, a historia dos gardamarinas de Marín aos que darán corpo no cine Fernando Fernán Gómez e Antonio Casal nunha primeira versión, e o Dúo Dinámico, na segunda, cando ao título se engade o ferro modernista: Botón de Ancla… en color.

Como fixeron noutras provincias españolas, Elena Togores Paramés, a esposa do gobernador, organiza no Cine Paz unha proxección desta segunda versión a favor da Asociación contra o Cancro. Moitas gobernadoras o fixeron, pero ningunha, como dona Elena, era esposa do autor da novela e do propio guión, no que Azcárraga colabora con Ramón Torrado, o director do primeiro Botón, e con H.S. Valdés, o guionista habitual de toda a súa filmografía.

Outro dos seus libros non xurídicos, é La España de cada provincia, un percorrido histórico/turístico con ampla referencia a Lugo, onde xa en 1964 destaca o capítulo gastronómico coa empanada monfortina de papuxas, a lagosta de Rinlo e Burela, o lacón de Sarria, a torta de Mondoñedo e o xamón de toda a provincia.

Katiuska, a rusa

Sábado, 3 de Agosto, 2013

José Gómez Posada-Curros puido presumir os tres últimos meses da súa vida de ser o xornalista decano dos de Galicia, grazas a que en outubro do ano anterior morre Trapero Pardo, que lle supera en exercicio profesional.

Agora estamos medio século antes, cando coñece en Lugo a Ramón Ferreiro con quen establece unha boa relación, impensable entre un falanxista e un home de esquerdas.

Tan bo foi ese entendemento que cando Ramón Ferreiro é nomeado gobernador civil de Lugo, ofrece a Posada-Curros a posibilidade de que sexa o seu secretario particular.

Lembraba Posada a súa reacción con estas palabras:

_¿Qué me dice usted? ¡Un rojo como yo, secretario de un falangista! Seguro que tiene muchos voluntarios para eso.

Pero superado o abraio inicial, acepta, e daquela se establece entre ambos os dous un particular entendemento político e de traballo. Algo que polo visto, xa non é posible.

Do tempo pasado a carón de Ferreiro, Posada lembraba con humor, como tiñan que tirar de man esquerda, tanto el como o propio gobernador, para aturar as diarias protestas dun crego, párroco de San Martiño _ esa era toda a identificación _, que acode ao Goberno Civil cos asuntos máis peregrinos que imaxinar se poda.

Para mostra, un botón. Un día o crego viña todo alporizado porque escoitara en Radio Lugo a zarzuela Katiuska, “de ambiente ruso”. ¡Non sei onde imos a parar!

Posada tamén tivo relación cos centros de ensino que promovía Ferreiro con tanta forza. Daqueles tempos citaba a tres alumnos, a José María Carrascal, que chegará a ser colega seu de xornalismo, ao catedrático de Romano, Ángel Latorre, e ao de Belas Artes, Antonio Bonet Correa.

Aparece Posada-Curros

Viernes, 2 de Agosto, 2013

Ramón Ferreiro Rodríguez-Lago

Nada máis rematar a guerra, chega a Lugo José Gómez Posada-Curros, que malia ás súas simpatías esquerdistas, salva eses tráxicos momentos cun sinxelo expediente de depuración “por rojo”, do seu posto de arquiveiro no concello vigués.

Segundo relata el mesmo ao xornalista Fernando Ramos, co gallo dun acto que vai presidir nos Maristas o ministro de Educación, José Ibáñez Martín, o sogro de Leopoldo Calvo Sotelo, Posada debe substituir ao relator previsto, ben por unha indisposición, ben por canguelo escénico. O tema a tratar é o humanista Juan Luis Vives.

Posada sae ben librado do envite e ao remate do acto achégase a felicitalo o xefe da Falanxe e futuro gobernador civil de Lugo, Ramón Ferreiro, co que establece unha sinceira amizade de admiración e respecto. Para que no haxa segredos, o vigués entrégalle o documento como depurado e perseguido, e Ferreiro agasállao cun exemplar do seu último libro, La voz del agua.

É o momento de dicir que outros títulos do gobernador son Escalera de color, editado en Bos Aires; Temas vallisoletanos, La mirada abierta, El piloto perdido, Izar e Marinero de guerra, amais da antoloxía citada onte e outros.

O caso é que Ferreiro estuda polo miúdo os papeis de Posada-Curros e poucos días despois chámao para expresarlle o seu pesar polo comportamento dalgúns elementos da Falanxe que actúan dun xeito tan maniqueo, dividindo aos españois en bos e malos. “A Falanxe non pode prosperar con xente así”, lembra a Ramos que lle di como resumo. Aínda así, comunícalle que mentres viva en Lugo pode estar tranquilo, que non será molestado.

Posada-Curros comeza a ver a cidade das murallas como un lugar moito máis acolledor.