Archivo de Agosto, 2013

Contra os liberais

Miércoles, 21 de Agosto, 2013

Mariana Pineda

Despois de ocupar diversos cargos en Galicia, Ramón Pedrosa y Andrade obtén o nomeamento de Alcalde do Crime en Granada, un posto político máis aló do que puidera ser un xefe de policía convecional.

A súa amizade, derivada da sintonía política co ministro Francisco Tadeo Calomarde _ o das mans brancas que non ofenden _, fai que Pedrosa salte de Galicia a Andalucía, co indisimulado obxectivo de impedir a calquera prezo que a Constitución liberal de 1812 sexa algo máis que un mal soño no calendario.

Os elementos da traxedia xa están no escenario dos feitos. Mariana Pineda, a guapa viúva e decidida activista da causa liberal, e Ramón Pedrosa, eficaz axente do absolutismo. Entre os dous aparece o elemento sine qua non, a bandeira que Pineda borda, ou ordena bordar, proba material da traizón da que se lle acusa.

A historia contada por Antonina Rodrigo e a fabulación que dela fai García Lorca, son coñecidas, aínda que sempre quedan datos por descubrir.

Ramón era fillo de Juan Pedrosa y Saavedra e de Manuela de Andrade y Maldonado, veciños de Adelán no seu pazo da Escoura. Foi elixido Procurador Xeral de Mondoñedo, alcalde maior interino da mesma cidade e depositario dos fondos públicos, ata que en 1825, o rei Fernando VII, por suxestión de Calomarde, o nomea para o referido cargo na Real Chancelaría de Granada.

Antes, segundo atopa García Doural, casa o 3 de novembro de 1811 na parroquia de Santiago de Mondoñedo, dentro da catedral, con Dominica Miranda Ron, coa que ten dous fillos que morren sendo nenos.

Sempre se especulou sobre a paixón _ desordenada soe dicirse _, que Ramón sente por Mariana. Para mañá Castro promete detalles.

A ledicia de Lence

Martes, 20 de Agosto, 2013

Pazo de Escoura, en Adelán

Hoxe, 20 de agosto, cúmprense os 227 anos do nacemento de Ramón Joaquín Bernardo Pedrosa y Andrade no pazo da Escoura de Santiago de Adelán, parroquia de Alfoz.

Este é o home que aparece definido en moitos lugares como o personaxe máis odiado da historia de España, título que pode resultar un tanto desproporcionado, habida conta da múltiple concorrencia de candidatos para merecelo.

Aínda así, imos pensar que efectivamente Ramón Pedrosa, ou simplemente Pedrosa, como se lle coñece, especialmente despois de García Lorca, foi un tipo de moi mala sona.

Hai un tempo, o historiador afeccionado de Mondoñedo, Andrés García Doural, atopa no arquivo do Concello unha anotación manuscrita do cronista Eduardo Lence Santar, que á marxe da acta municipal do 1 de xaneiro de 1820 deixa escrito para a historia: “¡Aquí está el tirano y miserable Pedrosa de La Escoura en Adelán, el asesino de Mariana Pineda… Dícese que era soberbio, un vicioso y un hipócrita redomado!”

É indubidable que Lence coñece a historia do personaxe e cando o atopa nesa acta do Concello non se resiste a deixar constancia en catro palabras de quen é. Quen coñeza a Lence saberá de contado que se trata dunha reacción moi propia do seu carácter apaixonado e nada convencional, neste caso para chamar a atención sobre Pedrosa do que veña detrás. E detrás veu García Doural, o único que repara no apunte de don Eduardo, se non se nos desmente.

Queda no aire saber se nese intre Lence descobre que o Pedrosa de Alfoz é o mesmo que o de Mariana Pineda; ou se xa pescudaba na súa pegada, ou se non sabía nin unha cousa, nin outra, e aquel día leva a ledicia dos grandes achádegos.

A partir deste segundo encontro, García Doural acomete a investigación aberta por Lence.

Pedrosa, o Malo

Lunes, 19 de Agosto, 2013

Aleluyas de Mariana Pineda, de Antonina Rodrigo, nas que se fala de Pedrosa

Castro farfalla coa cabeza baixa:

_Mira que somos bos e xenerosos os galegos, pero cando un deles sae besta…

_Que lle pasa? Non se faga o agonías, que polo que lle escoito non está a falar de galegos, senón do xénero humano. Bos, malos e regulares, brutos e refinados, hainos ata no inferno.

_Voulle contar…

E di que García Lorca comeza a súa Mariana Pineda cos versos dun romance popular que cantan así:

Marianita, sentada en su cuarto,

no paraba de considerar:

“Si Pedrosa me viera bordando

la bandera de la Libertad”.

_Pois ese Pedrosa, o malvado da historia… ¡é de Lugo! _ berra o home coma se os de Lugo xa non puideramos ir ao ceo por culpa de Pedrosa.

_Será, non lle digo que non, pero se houbo dez millóns de lucenses nos últimos séculos e saíunos un Pedrosa, tampouco é para tirarse dos pelos.

_Non é nada diso! Ou pensa que son tan parvo como para crer que por un malnacido todos os da provincia o somos? A besta á que me refiro son eu! Levo toda a miña vida presumindo de sabio e aínda descoñecía que quen mata a Mariana Pineda é un paisano!

_Xa lle digo, non se faga ferida, que moitos máis haberá coma vostede, alleos ao berce do tal Pedrosa.

_Pode ser, pero a eles non lles din cando pasan: Velaí vai o Castro. É unha eminencia! Unha merda! Tanto ler para que se che pase un asunto trascendental!

_Pode recuperar o tempo descubrindo cousas de Pedrosa.

_Imposible! Xa o fixo Andrés García Doural, que ten unha páxina caralludísima chamada Miscelánea mindoniense pola que o hai que felicitar.

_De calquera xeito, mañá contará algo máis de Pedrosa.

_Ah! Iso, si.

A dúbida permanece

Domingo, 18 de Agosto, 2013

Lois Pereiro non está no mapa de vítimas

Nin esa resolución xudicial, nin as seguintes, son suficientes para deter a teoría da conspiración que hoxe se repite cada certo tempo contra os gobernos español e norteamericano.

Unha primeira resolución xudicial condena aos aceiteiros e ás súas empresas pola manipulación da colza con anilina e polo seu desvío para o consumo humano, recoñecendo neles un delicto contra a saúde pública, entroutros.

Xa que logo os condenados declaran a súa insolvencia, os afectados recorren na procura dunha sentenza que condene a algún funcionario do Estado, co fin de reclamar a responsabilidade civil da Administración, obxetivo que se consegue na sentenza de 24-V-1996, a data da morte de Lois Pereiro.

Agora queda probado que a desnaturalización con anilina do aceite importado foi autorizada polo director do Laboratorio Central de Aduanas sen as debidas precaucións e sen establecer se calquera refinado da mestura podería levar a confusión entre os consumidores. Queda demostrado tamén que un funcionario de Política Arancelaria e Importación permite que unha empresa importe o aceite en cantidades desproporcionadas para as necesidades do momento sen realizar ningún tipo de investigación.

A condena dos dous funcionarios leva aparellada a responsabilidade civil subsidiaria do Estado.

Posiblemente o que sucede dende o descubrimento do primeiro caso ata a última sentenza siga a aparecer nos medios en clave conspiratoria como un dos asasinatos masivos máis pérfidos da historia. En calquera caso sempre debe dicirse que en Lugo si houbo un caso do SAT, o dun poeta chamado Lois Pereiro que estaba no lugar menos indicado cando por el pasou un bichiño moi pequerrecho.

Morte e sentenza

Sábado, 17 de Agosto, 2013

Lois Pereiro

No caso da intoxicación de Lois Pereiro ocorre que tanto el coma os seus compañeiros de piso, ou os veciños que mercan o aceite de colza, presentan os síntomas do síndrome, que era unha das rarezas atopadas polo doutor Antonio Muro, no sentido de que en moitas familias supostamente consumidoras do mesmo aceite, só un dos seus membros desenvolvía a enfermidade.

Iago Martínez, que o coñece neses momentos conta que “daquela o aceite vendíase na porta das casas, era unha cousa bastante normal, sobre todo en Madrid. A eles venderónllelo os butaneiros e comezaron a cociñar con el”.

Un médico de Lugo que é consultado pola familia cando o poeta comeza a presentar os síntomas, rexeita a información que estes lle aportan dicindo que Lois responde ás características da intoxicación da que falan os medios de comunicación.

O irmán do escritor, o xornalista Xosé Manuel Pereiro lembra que “ao comezo non sabía que era, e recordo a ollada que me botou un médico en Lugo cando lle dixen que os síntomas que tiña eran os daquela enfermidade que había en Madrid”.

Non así José Pedreira Andrade, que o atende no Juan Canalejo, actual CHUAC. Este médico soubo distinguir entre a sintomatoloxía do síndrome e a infección do VIH e a hepatite.

Andrade destaca no seu momento a loita coa que Lois Pereiro reacciona fronte á enfermidade. Despois de trece anos de contacto co monfortino, defíneo como un pesimista con moitas ganas de vivir e un paciente disciplinado que leva ben o seu tratamento, axudado sempre de manera extraordinaria por súa nai.

A súa morte ten lugar o 24 de maio de 1996, o mesmo día no que se fai pública a sentenza do SAT, Síndrome do Aceite Tóxico.

A conspiración

Viernes, 16 de Agosto, 2013

Flor de colza

A teoría da conspiración no caso do síndrome tóxico supón a existencia dunha investigación sobre guerra química que se realiza con gran segredo en Fort Detrick e que ten como destino a base norteamericana de Torrexón de Ardoz, en Madrid.

Ben por un erro do persoal científico que manexa esas susbtancias e ocorre un escape, ben porque nas redes comerciais do corredor de Henares son introducidas a vontade partidas de tomates contaminados procedentes de Fort Detrick, o resultado é que se producen varias mortes en distintas poboacións e no propio Torrexón, tanto na base, como na zona civil .

Amais do doutor Muro e de Grimaldos, citados onte, tamén o investigador Andreas Faber Kaiser, vítima el mesmo do síndrome, o xornalista J.J. Benítez e un programa de Tele 5 presentado hai poucos meses por Jordi González, entroutros, dan como certa a versión de que esas mortes de Torrexón alertan aos gobernos norteamericano e español, facendo que se poña en marcha un plan para disimular a procedencia do axente mortal, facendo que aparezan casos noutras provincias.

Como logralo? Segundo a teoría conspirativa, todo pasa por contaminar partidas de tomates que saen de invernadeiros de Murcia e Almería, e culpar aos vendedores do aceite de colza, que non parecen ter todos os papeis, nin toda a legalidade da súa parte.

En xogo está, engade a teoría, o triunfo do Si no referendo sobre a entrada de España na OTAN, así como a honorabilidade dos dous gobernos, por suposto.

Os defensores da conspiración criminal sinalan o 10 de xuño de 1981 como a data na que se comeza a falar da colza en TVE, responsabilizándoa do contaxio. É cando Lois Pereiro e os seus compañeiros de piso mercan o aceite.

A colza e Pereiro

Jueves, 15 de Agosto, 2013

Lois recoñece en acróstico unha das súas enfermidades

A morte do poeta monfortino Lois Pereiro reúne todas as probas que contradín a teoría da conspiración en torno ao síndrome tóxico. “E dada a personalidade da vítima, o seu caso pasará á historia da medicina e da política española”, engade Castro con ese ton agudo que pon á súa voz cando quere meterlle misterio aos temas que trata.

O chamado caso do síndrome tóxico non é un tema menor. A súa lista de vítimas achégase ás 20.000, das que 330 foron con resultado de morte. Oficialmente só houbo casos nunha das catro provincias galegas, a de Ourense, e oficialmente tamén, o axente causante do mesmo foi o aceite de colza desnaturalizado.

Lois Pereiro sería a única vítima da provincia de Lugo, aínda que queda fóra da estatística oficial por dúas razóns. Unha, porque o contaxio ten lugar en Madrid, e dúas, porque nun principio, dadas as outras enfermidades que padecía o poeta, o Estado non recoñecía que a súa morte fose polo síndrome, senón pola infección VIH, ou mesmo por la insuficiencia hepática que finalmente acaba coa súa vida.

A Audiencia Provincial de Lugo certificará finalmente que Pereiro, efectivamente, foi un doente máis da intoxicación masiva que se padece desde a primavera de 1981.

O seu caso, como se pode aprezar a pouco de coñecelo, foi particular, pero tamén revelador. Como moitos lectores lembrarán, as investigacións do doutor Muro en contra da teoría do aceite de colza como elemento causante, dan orixe a especulacións conspiratorias e mesmo a libros que semellaban estar escritos con grandes e terribles fundamentos. Foi o caso de “La CIA en España”, de Alfredo Grimaldos, onde o seu autor desenvolve unha monstrosa trama asasina con implicación dos gobernos de Leopoldo Calvo Sotelo e Felipe González e que coa súa morte Pereiro parece tirar por terra.

Cinco directores xuntos

Miércoles, 14 de Agosto, 2013

O cartel da película con Daniel Gelin

Mercedes Cora, a actriz cubana con alicerces familiares no lugar de Berlán, pertecente á parroquia de Montecubeiro (Castroverde), participa nunha coprodución hispano-francesa de moitas miras que compite en Cannes o ano 1954.

Na versión inglesa chamouse Love in a Hot Climate; na francesa, Sang et lumières, e na española, Sangre y luces. Malia a súa temática toureira _ un matador sente cada vez máis medo na praza _, onde menos éxito acada é en España, por ser as salas máis esixentes á hora de admitir un toureiro caguiñas, o papel que interpreta Daniel Gelin, pai de quen será durante uns anos a actriz de maior sona no mundo enteiro, Maria Schneider, logo de coprotagonizar o polémico último tango con Brando.

Os críticos españois foron inclementes con Gelin, incapaz de poñer en pé o personaxe creado polo novelista hispanófilo Joseph Peyre. A súa partenaire foi outra estrela de renome, Zsa Zsa Gabor, coa que competía en beleza Mercedes Cora, aínda que o seu papel da Condesa era menor.

Hai outras razóns polas que a película será sempre recordada, pois en poucas ocasións participaron nunha rodaxe tantos directores, se ben en cometidos distintos. Vexamos, o director principal foi o francés George Rouquier, pero a versión española é algunhas de escenas de Cúchares son de Ricardo Muñoz Suay, que será o segundo de Berlanga en O verdugo e Benvido mister Marshall, entroutras.

Pero tamén está o propio Berlanga, que participa no guión, e dous axudantes máis de Rouquier que triunfarán de xeito rotundo os próximos anos, Marcel Camus (Orfeo negro) e Jacques Deray (A piscina e Borsalino).

As razóns polas que Mercedes Cora elixe ese nome para facer cine é outro dos misterios que Castro quere descifrar este verán.

Mercedes Cora

Martes, 13 de Agosto, 2013

Os primeiros minutos de El Pórtico…

A Semana de Cine de Autor de Lugo, correspondente ao ano 2010 inclúe unha película chamada El Pórtico de la Gloria. Castro di estar moi interesado nela “pola relación que ten con Lugo”.

_Claro, trata de xente que peregrina a Santiago _ apunto eu cheo de razón.

_Non son esas as contas e vostede é o menos indicado para falar dese xeito, pois debería saber a que me estou a referir.

_Pois nin polas tapas. Conte con liberdade.

_Unha das actrices secundarias do filme é Mercedes Cora. Si, non apampe. Unha actriz homónima da filla menor do fundador de El Progreso, aínda que o seu verdadeiro nome, fóra das pantallas, era o de Josefina Carrodeguas Gómez. É parente, non de Purificación de Cora, senón do escritor, banqueiro, historiador e milmañas de Castroverde, recoñecido por Manuel María, Xosé María Gómez Vilabella, de quen é curmá.

Vilabella conta como se lles van os ollos aos mozos de Castroverde cando Mercedes pasea de ganchete coa súa dona as veces que visita as terras da súa orixe familiar, xa que ela nace en Cuba, onde marchan os pais na procura de melloras.

Logo de pasar polo TEU (Teatro Español Universitario), intervén en oito películas, unha filmografía que abrangue seis anos de actividade, do 1951 ao 1957. Despois, o cancro acaba coa súa vida a unha idade temperá. No medio, o matrimonio en Londres con Alberto Costas, exComisario do Estat Catalá. Ata a capital inglesa vaixa Mercedes co obxectivo de aprender inglés e ter así maiores posibilidades de acadar papeis en producións internacionais. Non foi posible e a súa carreira remata deixando eses oito traballos: Horas inciertas, Gloria Mairena, El pórtico de la gloria, La moza de cántaro, Sangre y luces, La ciudad de los sueños, Señora ama y Río Guadalquivir.

O pequeno escribidor

Lunes, 12 de Agosto, 2013

Afonso Eiré

Bocelo e Eiré chegan pouco antes da hora sinalada ao Goberno Civil da rúa Armanyà. Van explicarlle ao gobernador de onde sae esa teoría de que o Gran Capitán era un galego de Chantada. A aquelas horas Bocelo xa sabe que Eiré, o colaborador máis novo dos activos nese momento, con quince anos recén cumpridos, tira a información dun texto de Formoso Lamas que fala da orixe chantadina dos Fernández Temes, antepasados do Gran Capitán.

Ruipérez, o gobernador, manda que o director pase ao despacho, e cando ve a Eiré, pregunta: E ese rapazolo, que pinta aquí?

_É o autor, _ infórmao Bocelo.

A novidade non parece agradar á primeira autoridade da provincia. Se xa non tiña caso pola chilindrada do enfado cordobés, canto menos ao comprobar que o autor é un rapaz de quince anos.

A frustración do gobernador faille lanzar entón unha maldición que nin de lonxe se vai cumprir. Olla para Afonso e dille:

_Pois xa me ocuparei eu de que non volvas a escribir nunca máis.

Guillermo Ruipérez Pérez del Gallego, a quen Lugo debe os primeiros trámites de cara a conseguir o Colexio Universitario, foi cesado como gobernador o 8 de novembro de 1974, sendo recibido por Franco o 30 de xaneiro do último ano da súa vida. El morre de xeito inesperado en Italia, como Pascual Madoz, cando visita Milán o 15 de xuño de 1992.

Os que coñecen a Pucheiro saben do pouco éxito que tivo aquela maldición do gobernador, pois os seus libros e a súa carreira xornalística deixa xa un abondoso ronsel. Precisamente cando é director de A Nosa Terra con 22 anos, coincide nun acto con Bocelo, quen lle di, respectando o idioma:

_¡Así que tú eres aquel tocahuevos del Gran Capitán!