Archivo de Julio, 2013

A placa de Batitales

Lunes, 1 de Julio, 2013

Esta placa permanece

O noso Dr. Castro é un espectro literario do personaxe que viviu na rúa chamada Batitales ata que no ano 1881 os ilustres rexidores da non menos sobranceira cidade de Lugo deron en trocar o seu nome polo actual de Doutor Castro, atendendo á súa sona de home misericordioso e bo coñecedor do antigo.

Este novo Castro, o noso, tamén perde de cear se hai un bo caso que resolver. Pero imos a modiño, que tempo terán de coñecelo polo miúdo. Non lle pidan de misericordias, pero tampouco atoparán nel maldades de inferno. Nin de purgatorio.

Como queira que no seu bufete pensa atender todos os casos que ningún outro avogado collería, e seguindo o consello da súa amiga Eulalia Moncó que os luns viña atendendo algún deles nestas mesmas páxinas, desexa abrir o seu garigolo cun caso que lle acae por proximidade, e solicitar nesta, a súa primeira aparición, que o Concello de Lugo teña a ben devolver a placa a el dedicada na rúa antedita, onde viñan escritas sobre don Juan Francisco de Castro tantas marabillas que mellor lles fose poñer algunha menos e lembrarse algo máis da súa obra e figura, pois as novas xeracións van pensar que este pobo non deu ilustrados, senón cacholáns; ou que o tal Castro foi un especialista en riles que lle miraba as tuberías ao bispo Armanyá por ver se mexaba a gusto dos xesuítas, ou de Carlos III.

A placa desapareceu a fins do século pasado e aínda que poidamos comprender que estea estragada polas inclemencias do tempo, por unha piqueta mal manexada, ou mesmo por un balonazo dun pícaro transeúnte, resulta inaceptable ver pasar os días sen que regrese unha mala copia da orixinal que alí foi chantada, concedéndolle non só a titularidade da rúa, senón tamén a consideración de Pai dos Pobres lucenses. A época pide facelo. O bufete anuncia que é teimudo e que volverá sobre o caso ata conseguilo.