Archivo de Julio, 2013

O fillo do gobernador (VI)

Jueves, 11 de Julio, 2013

Luis Ciges

Cóntolle a Castro que coñecín a Luis Ciges na rodaxe de El hombre oculto, a primeira longametraxe que dirixía Alfonso Ungría, aínda que dicir que aquilo foi un coñecemento do actor resulta certamente excesivo. A quen coñecín e entrevistei para El Progreso foi a Ungría, que xa antes de rodar tiña sona de facer un cine antifranquista, como despois se confirma pola sorte que corren os seus primeiros traballos cinematográficos, El hombre oculto entre eles. De feito non chego a ver a estrea da película.

Ciges estaba alí, protexido por varios abrigos superpostos, mortiño de frío. Aínda que era 1970, tiña xa a mesma faciana que conservará ao longo da súa carreira de actor, que entón está a piques de ser coñecida por toda España. Nas páxinas da Taboa Redonda de El Progreso hai unha foto de Ciges tremendo de frío na serra madrileña.

O home oculto era un topo, un deses españois que despois da guerra fixeron a súa vida agochados nunha cova, nun zulo, nun burato, por medo aos vencedores. Foi unha historia escrita e producida por Luis Mamerto López-Tapia, parella naqueles momentos da actriz Carmen Maura, outro dos descubrimentos do film, como Ciges.

En realidad o topo de Ungría-Tapia, tiña nomes e apelidos. Era Manuel Cortés Quero, último alcalde republicano de Mijas, que permaneceu trinta anos lonxe dos ollos da xente na alacena do seu propio domicilio.

Castro fai como sempre que pode e turra para a súa casa, que é Lugo:

_Non dubido das penas pasadas polo alcalde de Mijas, pero sendo Ciges fillo dun dos gobernadores republicanos de Lugo, ben podía ser ese home-topo da película o veciño de As Nogais, Gonzalo Becerra Souto, que estivo oculto dez anos máis que Cortés, é dicir ¡corenta da súa vida soterrado nun rocho! Algún día volveremos a esa historia pouco coñecida.

Unha solución á crise (V)

Miércoles, 10 de Julio, 2013

Tartarín en Madrid

O gobernador de Lugo Eduardo Andicoberry é autor dunha novela titulada Tartarín en Madrid (Escenas de la vida bohemia), cuxo protagonista non é exactamente o personaxe de Alphonse Daudet, senón Juan Pérez del Colmenar, un home de notable inxenuidade que ao seu creador lle permite analizar a España do seu tempo nun libro que moitas veces foi definido como hiperbólico.

O curioso da novela gubernativa é que Pérez del Colmenar, como se estivese a vivir na actualidade, propón solucións para acabar coa crise económica.

A novela aparece en 1921, oito anos antes do crack do 29, pero nas súas páxinas intúese que as crises non son tales, senón momentos máis delicados dun continuo.

Castro está encantado co descubrimento:

_Agora non volverán dicir que Lugo é unha aldea con gobernador, porque aquí non mandaban Poncios… ¡senón profetas!

Vexamos o razoamento de Andicoberry.

Di o gobernador a través do seu personaxe:

“El día que la Hacienda pública no tenga ingresos que despierten la codicia de los hombres, ni habrá reyes, ni caciques, ni oligarquías político-económicas. ¿No lo cree usted así? ¡Pues ahí estriba el secreto de mi sistema!”

Tan satisfeito está Castro que nin sequera admite que o novelista escriba ad absurdum.

“Reduzcamos hasta la más mínima expresión los ingresos _ continúa _. Con ello beneficiaremos a las clases media y proletaria y ahuyentaremos a las dinastías. Cuando los obispos tengan menos haber que los curas, nadie querrá ser obispo. Cuando las carteras no estén pingüemente retribuidas, sólo seremos ministros los patriotas de buena voluntad, capaces de sacrificarnos por el bien común”.

_Que lle dixen? ¡Andicoberry é un visionario! ¡Como Nostradamus ou máis!

Caída de Andicoberry (IV)

Martes, 9 de Julio, 2013

El Imparcial a comezo de século

Á marxe dos habituais de Los Lunes de El Imparcial, quen asina case a diario no xornal dos Gasset, é Manuel Ciges Aparicio, pai do actor Luis Ciges, que tamén será gobernador de Lugo. Ciges é autor deste titular histórico: “La Sociedad de Naciones ya es un hecho”.

También son diarias as crónicas desde Barcelona de Adolfo Marsillach, pai do actor e director teatral homónimo, as columnas de Francisco Camba, as de Melchor de Almagro e en menor medida, as de Emilia Pardo Bazán ou Muñoz Seca.

Antes de vir a Lugo, onde o seu nome aparece en varios rexistros oficiais como Ondicoberry, o que dificulta seguirlle a traxectoria, traballa para a Sociedad Central de Arquitectos, e logo será o último director de El Imparcial, onde deixa unhas primeiras páxinas monográficas dedicadas a Lerroux que, é de imaxinar, axudan para elevalo ao goberno lucense, un nomeamento que é propiciado en novembro de 1933 polo triunfo da coalición antimarxista na que participa o Partido Republicano Radical.

Permanece en Lugo un ano e ao cabo dese tempo faise insostible a súa situación dentro do PRR por diferenzas coa dirección nacional. Entón dá comezo o seu esmorecemento político, literario e xornalístico, con episodios dramáticos como son a súa longa estadía na checa de Porlier, acusado de desafección á República polos Tribunales Populares de Urgencia. Salva de maiores penas polas testemuñas de republicanos ben vistos polo Goberno de Madrid.

Aínda que logra colocar colaboracións en cabeceiras importantes, a chegada da paz non supón un bálsamo para a mellor da súa deteriorada saúde que se ve agravada pola rutura do seu matrimonio cando o autor de Tartarín en Madrid vén de cumprir o medio século de existencia.

Tempo despois o exgobernador lucense traballa como operario nunha fábrica de gaseosas e morre en 1945.

Os catro de El Imparcial (III)

Lunes, 8 de Julio, 2013

O edificio de Daniel Zavala Álvarez

O gobernador civil de Lugo durante o ano 1934, Eduardo Andicoberry, vén de exercer a dirección de El Imparcial, o prestixioso xornal fundado polo avó de Ortega y Gasset, o pontevedrés Eduardo Gasset y Artime, e co que mantemos certa familiaridade, pois a súa sede, construída ao efecto no número 4 da antiga rúa Duque de Alba de Madrid, foi obra do tataravó dos meus fillos, o arquitecto Daniel Zavala Álvarez, bisavó polo tanto da miña muller, Teté Latas Zavala. Daquela podo presumir ante Castro dun parentesco político co xornal que precisamente máis loitou por afastarse da militancia dos partidos para facer xornalismo independente, como non era o común nese tempo. E case o consegue, se ao seu director, o fillo de Gasset, non o nomea ministro Francisco Silvela.

Nesa redacción leva bastantes anos Andicoberry, que xa pasara por outras cabeceiras, como España Nueva, El Radical de Madrid, El Mundo, o Semanario El Momento e outras da prensa canaria. Hai dez que conseguira dos Gasset un traballo ben apetecible, pois debía percorrer todas as provincias españolas e remitir as crónicas de viaxe correspondentes. Para unha pluma áxil e amena como é a súa, trátase dun agasallo envexable. A sección chámase “Rutas a capricho” e nese título pódese adiviñar a bicoca que recibe Andicoberry, pero que por causas descoñecidas, apenas redacta as súas primeiras excursións, a sección deixa de saír. Se cadra, a explicación hai que buscala en motivos económicos, ou en reestructuracións internas do propio xornal, pois de contado o futuro gobernador de Lugo é nomeado responsable de edicións de El Imparcial, un cargo que non parece compatible co de choutar España adiante, de pobo en pobo.

Nas páxinas de El Imparcial van coincidir catro novelistas que tamén serán gobernadores de Lugo: Andicoberry, Ciges, Armiñán e Precioso.

Andicoberry (II)

Domingo, 7 de Julio, 2013

Mantén Castro que polo Goberno Civil da provincia de Lugo pasaron novelistas de moi diversos rexistros e se non fosen estes uns tempos tan pouco propicios para a lírica narrativa, todas as súas obras poderían conformar unha curiosa colección literaria con forte presencia erótica, dramas rurais, crimes, poesía, éxitos moi populares, e mesmo libros que foron ameazados de arder na pira dun auto de fe, tal como anuncia o titular do bufete.

¿Tanto lustre para unha aldea sen importancia? Alguén en Madrid parecía saber moi ben que Lugo podía pasar por anos de decaída, pero que para entender a provincia facían falta enxeño e coñecementos.

O Dr. Castro quere aproveitar o caso para atoparlle unha ou varias canles de saída a tanta novelística paralucense, vencellada as nosas rúas de Armanyá e de San Marcos, principalmente. Non é doada empresa polos dereitos de autor e demais zaragalladas, pero seguramente se fala cos do propio Goberno… ao mellor amañan unha lei que lle dea amparo ao proxecto.

Como o caso pode ir para varios días, senón son meses, Castro fai partillas e por aquello da orde alfabética comeza a falar de Eduardo Andicoberry Ruiz, tan lerrouxista como o seu xefe político que lle antecedeu máis de cuarenta anos no oficio de ser veciño de Lugo, aínda que don Alejandro só estivo aquí como modesto cobrador dos fielatos, e don Eduardo xa veu como gobernador civil, o que fala moi ben da progresión ascendente que lle soubo dar Lerroux a súa carreira política.

En decembro de 1933 accede Andicoberry ao seu posto de Poncio, como sempre nos gustou chamar aos gobernadores en provincias, se cadra por achegarse á “historia máis grande xamais contada” e compartila. Aldea e Poncio son conceptos en loita.

A súa experiencia na poltrona de Lugo vai durar un ano, un período que non se pode considerar curto cando os gobernos mudan con frecuencia estacional, é dicir, catro por ano.

O caso dos gobernadores (I)

Sábado, 6 de Julio, 2013

Acto de presentación da obra de Eva Mariño e Lois Rodríguez sobre don Juan Francisco de Castro

Castro estaba encantado polo feito de coincidir no mesmo día a inauguración do seu bufete co anuncio de Carmen Basadre sobre a publicación da obra do seu alter ego don Juan Francisco de Castro, que onte foi presentada por ela mesma, Eva Mariño e Lois Rodríguez.

_Mágoa non ter o don da ubicuidade, ou o da bilocación, que veñen sendo o mesmo, para estar ao tempo na misa e repicando, pero o caso que agora me veñen de encargar uns veciños lévame fóra de Lugo. De todos os xeitos, xa que se poñen tan guapos, bos e xenerosos coa obra de Castro, ben poderían engadir no mesmo paquete orzamental o custo da placa desaparecida da súa rúa. E por se fosen de necesidade, aí van os meus 44,50 euros sen IVE que pagaron ao bufete uns de Rubián que andaban na procura dun heroe da guerra de Cuba e que eu lles aprendín que o seu home era Manuel Mendoza Quiroga, que morre en 1959 aos 84 anos, deixando catro fillos, seis netos e un bisneto.

Castro estaba tan sorprendido de que o bufete dese cartos que non puña ningún inconveniente en tirar da caixa para o que fose, canto máis se era para lle devolver a placa ao seu antecesor homónimo e gañar así un novo caso, prestixio e clientela.

O que tiña entre máns pódese dicir que era unha encarga histórica que paso a contarlles. Os que foron ao bufete, que prefiren manter o anonimato, pídenlle a Castro razóns para que nunca máis se diga que Lugo é unha aldea con gobernador, e non polos méritos de Lugo, dos que eles son perfectos sabedores, senón pola categoría da xente que foi nomeada para ese cargo, especialmente cando se elixían as persoas, non pola súa proximidade xeográfica, senón máis ben polo contrario, para evitar condicionantes locais.

_Quitando dous o tres, que eran unhas bestas pardas, aquí houbo gobernadores de moito valemento _ dixo Castro _. Mañá comezamos.

Escolma de textos de Juan Francisco de Castro

Unha tumba sen nome (e IV)

Viernes, 5 de Julio, 2013

Adro do cemiterio de Santa Uxía de Asma, onde está soterrado Aniceto

Rexistro do soterramento no libro de defuncións

Castro decide ir a Chantada. As circunstancias da morte de Aniceto Pereira eran coñecidas, pero non a principal consulta do seu neto, é dicir, onde foran soterrados os restos mortais do avó de José Manuel Pereira Díaz.

Chegamos ao cemiterio de Chantada e grazas as xestións de Manuel e Carme, pronto desbotamos a posibilidade de que fosen traladados alí. A visita sérvelle ao Dr. Castro para botar uns cantos pecados en contra da destrución das sepulturas antigas e o novo xeito de soterrar á xente, “en arquivos de mármore negra, como se fosen expedientes policiais”.

_Cando se darán conta de que os cemiterios, canto máis vellos, máis turistas atraen?

Fomos ata Aspai, onde só había unha lene lembranza deses feitos, mesturados con outro crime e outra bomba, cuxo relato deixa abraiado a Castro:

_¡Carafio! ¡Moitas bombas botan estas xentes do Asma!

Moi pola contra, un señor moi amable que chega nese intre a Aspai, fainos unha suxestión reveladora:

_Veñan, se alguén pode axudarlles é o crego Díaz Guerra.

E así foi. Abriunos de par en par as portas da súa casa, máxime cando soubo que Castro coñecera en Lugo ao seu irmán, o coengo Guillermo Díaz Guerra.

O home comeza a ler os libros de fábricas e os rexistros da parroquia, mentres o doutor xustifica que non fosen directamente a el:

_Tiña entendido que todos estes libros están centralizados no Arquivo do Bispado.

Díaz Guerra apenas contesta porque vén de abrir ás páxinas de 1921. Alí, no día 18 de xaneiro, aparece o rexistro de Aniceto Pereira Gutiérrez, soterrado “en el atrio cementerio de la primera sepultura eclesiástica (…) de la parroquia de Santa Eugenia de Asma”, unha tumba que actualmente está sen nome.

_Chame ao neto _ di Castro _, pode vir a poñerlle flores cando queira.

Casa/Colexio de Aniceto no Campo da Vila, Santa Uxía de Asma

A unha ducia de metros (III)

Jueves, 4 de Julio, 2013

Julio Pérez de Guerra

Castro reconstrúe os acontecementos a medida que incorpora novos datos á investigación. Logo de que Pereira comeza a dar aulas no Campo da Vila, moitos dos nenos que van onda Ledo deixan de acudir e fanse alumnos do novo mestre.

Probablemente Ledo é un daqueles mestres de ferrado que hai pouco estuda polo miúdo Narciso de Gabriel. Xente que vive do pago en especie dos seus alumnos, polo que un competidor como Aniceto Pereira pon en perigo a súa subsistencia.

A desgraza para o mestre Aniceto foi que nese mesmo tempo regresa a casa de Ledo seu fillo José Daniel, de 35 anos, precedido dunha sona de terrorista que leva a cabo, segundo algunhas fontes, en Uruguai, Cuba, Estados Unidos e o norte de España. Castro imaxina a conversa entre pai e fillo, comentándolle aquel as súas dificultades económicas e o resumo final por parte deste:

_Déixamo da miña conta. Isto o amaño eu.

A detención foi inmediata. Todos os veciños sinalan ao fillo de Ledo como presunto autor da morte e a Garda Civil lévao ao cárcere de Chantada, onde amosa unha sorprendente tranquilidade, segundo conta D´Orca na súa crónica.

No posterior xuízo, a defensa corre a cargo de Marcelino Dafonte, pai do exconcelleiro de Lugo Carlos Dafonte, e a acusación privada está en mans de Prieto Rivera e mais de Julio Pérez de Guerra, que moitos anos despois lembra o caso nunha entrevista realizada por Paco Rivera Cela para o seu libro Lucenses. Pérez de Guerra desvela un dato que daquela se agocha polo seu carácter macabro. Di o avogado e xornalista que a cabeza do mestre foi recollida a doce metros da peza da casa onde ten lugar o estourido da bomba.

Debido ao pouco tempo que leva no ensino, a súa viúva non ten dereito a pensión e os seus colegas lucenses promoven unha colecta ao seu favor.

A bomba do Asma (II)

Miércoles, 3 de Julio, 2013

Información de El Progreso sobre o atentado

O mestre Aniceto recolle a caixa de madeira e comproba que os arames cos que vén suxeita foran postos a conciencia. Por algunha razón o remitente quere mantela ben pecha cando a deixa á porta.

Aniceto mira e remira por abrila coas mans, pero finalmente desiste e vai na procura dun alicate que ten xunto coas ferramentas. José, seu fillo, observa preso dos nervios polo que poda ser o misterioso agasallo.

_Agora vai ir _ di o pai.

Esas son as súas derradeiras palabras, porque ao abrir a tapa, unha espiral metálica activa unha faísca producíndose a deflagración dunha bomba, seguida dun gran estourido que é escoitado por Cándida, a muller do mestre, camiño da igrexa e por toda a parroquia. O home morre ao instante, mentres que José só sofre leves feridas grazas a non estar preto de seu pai.

O ano 1921 en Galicia vívense días de axitación cidadá. As organizacións agrarias e pescadores en río revolto provocan, día si e día non, atentados e alteracións da orde pública. É o primeiro que se pensa, pero por que Aniceto, un mestre bo e xeneroso?

O Dr. Castro entra de contado nos segredos do caso porque o día 18 de xaneiro, tan só cuarenta e oito horas despois do asasinato, o director de El Progreso, Antonio de Cora, publica unha crónica asinada co seudónimo habitual de D´Orca, na que ofrece cumprida explicación do suceso. Máis aínda. D´Orca láise de que o día 16 non funcione na provincia o servizo de Telegráfos, pois daquela a crónica xa estaría publicada.

Acusados de provocar a morte de Aniceto Pereira son detidos Antonio e José Daniel Ledo López, pai e fillo, veciños do lugar da Cuqueira, na mesma parroquia chantadina de Santa Uxía de Asma. O primeiro deles tamén é mestre, e o segundo vén de chegar despois de curtas estanzas en Uruguai, Cuba, EE.UU., Barcelona, Bilbao e Asturias.

O caso da caixa (I)

Martes, 2 de Julio, 2013

Casa do mestre Aniceto Pereira no Campo da Vila, Santa Uxía de Asma

O anuncio de que o doutor abrira bufete espertou o interese de moita xente dentro e fóra de Lugo. Daquela, cando Castro preparaba unha acción popular que segundo el, vai ser unha bomba, chaman á porta e tras dela aparece un home que di chamarse José Manuel Pereira Díaz e ser veciño de Avilés.

Castro pensa no seu amigo Papi Wes, director durante 36 anos de La Voz de Avilés, por se fose el quen lle envía o cliente; pero non, o home vén pola súa conta e non tarda en comunicarlle o que o leva ata alí:

_Quero averiguar onde está soterrado o meu avó.

Nun principio, Castro non agardaba que lle foran expor misións desa natureza, pero axiña vai coñecer que non se trata dunha simple pescuda e que antes dunha hora xa estará encerellado nela.

José Manuel acode tres anos antes a un xornal coruñés para atopar a sepultura de Aniceto Pereira Gutiérrez, o seu familiar, pero sen éxito. El tampouco axudara moito daquela, pois dicía e di que o home morre no 1911, cando en realidade foi no 1921, un dato que Castro destapa con só mover catro papeis dos moitos que manexa ao cabo do día.

Os feitos que se saben nese intre determinan que Aniceto, súa dona Cándida Gómez, e mais seu fillo José, pai do noso consultante, establecen casa familiar e escola no Campo da Vila de Santa Uxía de Asma, parroquia de Chantada. Son naturais de Camba e o pai cumplira xa os treinta e seis anos.

A primeiras horas do domingo día 16 de xaneiro de 1921, a muller sae da casa en dirección á igrexa para asistir á misa de precepto. Unha vez fóra desta, observa que alguén deixou un paquete dirixido ao seu home. É unha caixa de madeira vernizada, pero que foi firmemente suxeita cuns arames de metal. Cándida volve sobre os seus pasos e avisa do agasallo a Aniceto, que queda na casa na compaña do neno José.