Archivo de Julio, 2013

Curso do 33

Domingo, 21 de Julio, 2013
Recaséns en Porrúa

A traxectoria política de Luis de Armiñán, dentro da obediencia lerrouxista, non deixa un ronsel para o recoñecemento, senón para as dúbidas e a indiferenza. No caso de Lugo apenas hai unha pegada, agás o que puido ter amañado nas listas para as eleccións de novembro de 1933, onde a coalición de radicais se impón á dereita por 6 a 4, e algún mérito terá nese resultado o mes que Armiñán pasa na cidade.

Entre os electos do bando vencedor atopamos ao Gran Mestre masón, o único nomeado mediante votación no Gran Oriente de España, o chairego Manuel Becerra (Fortaleza, gr 33).

Entre outros, tamén son elixidos nesa ocasión o estudoso do magnetismo terrestre e antigo secretario persoal do propio Lerroux, Ubaldo de Azpiazu; o avogado mindoniense e propietario abadinense, José María Montenegro Soto; o protagonista dunha agarrada co tamén gobernador lucense Artemio Precioso, en pleno Congreso dos Deputados antes de morrer asasinado en Sarria, Manuel Saco Rivera; o alcalde de Lugo por antonomasia, Ángel López Pérez, e o famoso xurista hispano guatemalteco, Luis Recaséns Siches, de inesquecible referencia para todos os estudantes de leis.

_Nunca lin as razóns polas que Recaséns aparece nas listas de Lugo. Seguro que algún lector as coñece e quere compartilas con nós _ dígolle a Castro.

_Eu tampouco as sei con certeza, pero fágolle unha aposta. Recaséns preséntase por Lugo a través de Manuel Becerra, camarada seu nas hostes masónicas, aínda que o catedrático de Filosofía do Dereito, turra máis cara ao comunismo que cara á masonería. Sabe como é considerado Recaséns no 39 polos encargados da Seguridade Interior, ou sexa, polos axentes da depuración?

_Dígao vostede.

_Un “individuo ultra-rojo”.

_¡Caramba! Como dirían hoxe, “non rojo, o seguinte”.

De Lugo a Sofía

Sábado, 20 de Julio, 2013

Unha caída moi feminina de Adela Castro

Cando o fillo do gobernador Armiñán vén a Lugo, deixa en Madrid un amigo para quen ten un recordo entrañable xa na mesma viaxe de traslado, aquela que fai sen sabelo na compaña de Ortega y Gasset. O curioso para os lucenses é coñecer o alcume daquel rapaz madrileño, pois non é outro que Currinche, o mesmo do personaxe que poucos anos despois será na cidade gran mestre sablista, é dicir, experto en dar sablazos, unha disciplina que desenvolverá con gran habilidade entre os compañeiros de profesión de Armiñán. E que non fose o propio Armiñán unha das vítimas daquel singular Alfredo Varela.

O feito de que o pai participase no proxecto urbanístico de Lemos en Praia Lourido/América, vai motivar, moitos anos despois, que cando escriba con José Luis Borau o guión de Mi querida señorita, aposte para que o personaxe home/muller de Adela Castro (José Luis López Vázquez), sexa galego e que a escena na que corre por unha praia foran rodala a Praia América.

_É galego e chámase Castro _ di o doutor entremedias _, pero non forma parte da miña parentela. Asegúrollo. E xa que falamos diso, voulle facer unha precisión que se cadra descoñece, porque a Adela Castro que corre pola Praia América adiante non é José Luis López Vázquez.

_Ah, non? E logo?

_O actor négase a correr como unha muller e Armiñán ten que botar man dunha dobre que non estaba prevista. A dobre que si o estaba, era a muller que lle poñería a voz máis feminina, e que foi Irene Guerrero de Luna, a mesma que escoitamos facendo de Bette Davis na versión española de Un gangster para un milagro, e outra cousa que lle vai sorprender aínda máis.

_Pobre.

_Irene Guerrero de Luna é a voz de Sofía (Estelle Getty) na serie As Chicas de Ouro.

_¡De Lugo a Sofía! ¡Esta si é unha boa serendipia!

A praia dos Armiñán

Viernes, 19 de Julio, 2013

O parque Pernas Peón de Viveiro

Deixaramos a Armiñán ollando para o Atlántico _ dígolle a Castro por ver se reconduce o tema cara aos gobernadores.

_É certo, pero para non o perder de vista hai que falar agora de Manuel Lemos, un emigrante do Val Miñor, que neses anos regresa a Galicia coa intención de converter a praia de Lourido no segundo gran proxecto turístico galego, o que se chamará Playa América Latina, título campanudo por de máis e logo abreviado e galeguizado no actual Praia América.

Lemos constrúe unha colonia de chalés en primeira liña de praia a semellanza doutras urbanizacións que coñece en América, tal e como foi a iniciativa pioneira nese sentido en Galicia de José Antonio Pernas Peón, o avó de Ramón Pernas, na praia de Grallal de Viveiro, é dicir, a actual Covas, onde Luís Tobío dicía que a nai tiña que tapar ben as carnes cando cambiaba o bañador por mor dos miróns que se agochaban entre as dunas para ver máis da conta ás descoidadas.

Pernas Peón ten un parque co seu nome onde axiña van facer moito estrondo, en clara demostración de que os seus plans para Grallal como zona de descanso e veraneo están obsoletos. E a Praia América de Lemos quere recuperar o vello nome de Lourido. O caso é non parar.

Pois alí, nese Lourido cheo de resonancias arxentinas, merca Armiñán un chalé e alí van uns anos para que Armiñanciño mellore das súas desmedranzas.

Os nomes das novas construcións, lembradas hai pouco por Fernando Franco, falan sen ambaxes da época a un e outro lado do Atlántico: Villa Rita, Villa Mendoza, La Chocita, Pabellón Bleu, Nidito de Amor, Noche de Bodas, La Superiora… E xunto aos Armiñán, outros apelidos de sona: Amado de Lema, Durán, Portanet, Rosés, Kruckenberg, ou Conde (de don Mario), amais de Álvaro de Laiglesia e o tenor Miguel Fleta que morrerá pouco despois en A Coruña, lonxe dos roxos.

Cazarolas con peche

Jueves, 18 de Julio, 2013

A memoria de Armiñanciño

Castro mantén a teima de Ortega e imaxina que a viaxe na que chega a Lugo co neno Armiñanciño foi aproveitada polo filósofo e a súa dona para achegarse á Torre de Xunqueiras, na Pobra do Caramiñal, onde tiña ido tantas veces, pois a histórica construción pertence aos Gasset Artime e Chinchilla desde o século XIX.

_Xunqueiras está vencellada tamén a don Ramón María. Sábeo ben Xerardo Pardo de Vera, que alí foi un dos lugares onde deu porte señorial á figura valleinclanesca _ apunta Castro, antes de permitir que avance a historia dos Armiñán.

Armiñanciño anda frouxo de saúde. Non lle deixan tomar tortilla de patacas, pero no Goberno Civil de Lugo vai experimentar unha gran melloría.

Nese capítulo culinario de desmedrado, lembra as tarteiras con peche incorporado nas que lles levan á familia as comidas e as ceas e o bo que está todo. Serán de casa Marbán? Serán menús do Fornos? Ao neno non se lle despistan esas cazarolas cuns ferros cruzados que facilitan o transporte e a conservación dos platos, porque seguramente aínda non as vira en Madrid.

Nesa época, e ata moitos anos despois, as familias lucenses con posibles, cando non preparaban comida na casa, preferían levala feita dos restaurantes, antes que ir a eles en procesión, se cadra porque na casa, como en ningún sitio, ou porque a eses lugares non se vai cos pícaros nos días de diario… por non amolar.

Ademais de non tomar ovos, a Armañanciño tíñanlle prohibido bañar e tomar o sol, tres circunstancias que explican á perfección por que estaba tan desmellorado o pobre rapaz. Se seguisen a tradicional recomendación galega a prol da fecundidade e a saúde, xa se tería dado un bo baño nas frías augas da Lanzada, ou en Riazor, que é onde o neno coñece o mar. As cousas comezan a cambiar, pois iníciase a galeguización dos Armiñán.

Os Armiñán

Miércoles, 17 de Julio, 2013

O Weyler de Armiñán

A Luis de Armiñán, o primeiro gobernador de Lugo do Partido Republicano Radical, faltoulle un día para cumprir un mes exacto de mandato na provincia. A súa pegada lucense é polo tanto, cativa, aínda que ese tempo permítelle a Castro falar longo e tendido, sobre todo cando mestura eses días dos meses de setembro e outubro de 1933_ os sanfroiláns incluídos _ coa presenza dos tres Armiñáns máis coñecidos en Galicia, coa estratexia electoral de Portela Valladares e coas eleccións xerais celebradas en novembro dese ano, cando Armiñán era xa máis portelista que radical e a piques estaba de repetir cargo en Córdoba.

O primeiro da familia que ten relación con Galicia é Luis de Armiñán López, pai do noso gobenador lucense e avó do cineasta. O feito de compartir nome, apelido, escrita, xornalismo e política con seu fillo _ L. de A. Odriozola _, é causa de que nas súas biografías, mesmo nas máis traballadas, obras do pai figuren baixo a autoría do fillo. Por exemplo, á hora de atribuírlle a intensa participación que o primeiro dos Armiñán tivo na actividade duelística de Madrid. Din que el mesmo acode a un encontro no campo da honra con Primo de Rivera. Como padriño cóntanse por ducias as súas participacións en duelos.

Tamén nesa mesma dirección, Castro atopou biografías que adxudican ao noso gobernador un libro do pai sobre a materia, El duelo en mi tiempo, confundidos se cadra porque a súa edición é dun ano despois da morte do autor, en 1949, e outro sobre Weyler.

O caso é que Armiñán Pérez tamén foi gobernador. No seu caso, da praza coruñesa, e alí prepara as eleccións dos seus xefes políticos, tal como era a principal función deses cargos tamén chamados correa de transmisión. Do mesmo xeito, o fillo, Armiñán Odriozola, actuará durante a República en Cádiz, por dúas veces, Lugo e Córdoba.

A vixiada morte de Ortega

Martes, 16 de Julio, 2013

Medindo as columnas de Ortega

Facemos un intermezzo orteguiano a solicitude de Castro. Días antes de morrer Ortega en 1955, os xornais reciben unha das moitas consignas emanadas do réxime. Nesta ocasión, para harmonizar o contido das informacións necrolóxicas. Nada escapa ao control de Madrid, se ben é certo que pouco a pouco cada cabeceira asume maiores riscos á hora de desobedecelas, xa que logo, segundo o talante do gobernador e de acordo coa importancia do incumprimento, o desacato non merece máis aló dunha advertencia verbal ou escrita. Case como nas aulas.

No que se refire a Ortega, as instruccións son ben precisas: 1.- A nova da morte non pode ser publicada a máis de dúas columnas. 2.- So pode levar de apoio un artigo de opinión encomiástico, sempre e cando se recoñezan nel os erros políticos e relixiosos do falecido, e 3.- Nunca poderá dicir o xornal que don José era un “mestre” de nada.

A perversidade da orde é moito maior se temos en conta que foi emitida días antes

do óbito, en previsión de que este ocorra. Como dicindo, non vaia a ser que nos colla nas patacas. Antes do pasamento, a Dirección General de Prensa engade dúas modificacións. Unha de apertura, pois se poden publicar dous artigos e unha biografía, e outra de maior control, pois non se poderá poñer en primeira páxina unha fotografía de Ortega y Gasset con vida. Só do túmulo funerario.

_Se me preguntan por que _ comenta Castro a xeito de chiste _, só me vén aos miolos pensar que foi por medo a que a xente dubidase se realmente estaba morto.

Que fixo El Progreso en 1955? O que todos. Apurar ata o máximo a permisividade no máis evidente: presentación e número de artigos, e contravir a orde polo burato que a propia orde deixaba: non o chamou mestre, senón “excepcional e ilustre pensador, e insigne filósofo”.

A ver, señor Aparicio; onde se di “mestre”?

Viaxe de Ortega

Lunes, 15 de Julio, 2013

Ortega dicindo: No es eso, no es eso

Luis de Armiñán foi gobernador 29 días, pero seguramente o primeiro deles, o da súa chegada, é o que máis documentado está de todos cantos viaxaron para ocupar ese cargo en Lugo.

Isto é así grazas ao libro de memorias que escribe o seu fillo Jaime, no que aparece cunha gran profusión de detalles a viaxe Madrid-Lugo que realiza cun chofer, o seu tío Pepe e un misterioso matrimonio, que tempo despois logra idetificar con maiúscula sorpresa como José Ortega y Gasset e a súa muller, Rosa Spottorno.

_¡Iso quere dicir que Ortega estivo en Lugo polo menos unhas horas! _ exclama Castro coma se viñese de descubrir o Pacífico, e vendo a miña cara de abraio, engade _: Saiba vostede que Lugo foi unha das poucas cidades que en 1982 festexa como merece o centenario do nacemento do filósofo, a quen os lucenses dimos unha rúa e os profesores de Filosofía, entre eles o alcalde Orozco, un libro que se chamou, creo, Homenaxe a Ortega y Gasset, que aínda que o alcalde non me lea no bufete, eu si o leo a el.

_Non bote as campás a repicar tan axiña. Se Armiñán o di no seu libro, outros moitos o terán dito tamén.

Pero Castro colle a vía e segue por Ortega.

_Que eu saiba, e sempre estamos aquí para corrixilo, nin co gallo da homenaxe, nin antes, nin despois, ninguén fixo referencia a que Ortega pisara terra de Lugo para traer ao pequeno, agás o propio Armiñanciño, ¡carafio!

E prosegue:

_Daquela xa estaba desencantado coa República. Deixara de ser deputado por León e xa dixera no Ateneo o discurso da Rectificación de la República, onde pide aos auténticos republicanos que rebaixen radicalismos na argamasa do novo Estado e utilicen máis a alegría, porque senón, co tempo, podía pasar o que pasou.

Ortega visionario, como non podía ser doutro xeito.

Dunha a outra muralla (IX)

Domingo, 14 de Julio, 2013

O Pazo de Orbán renace coa fonte da Porta Miñá

As familias Franco e Ciges tiñan coincidido en Baleares o ano 1933 e a relación que manteñen é boa. Daquela ambos os dous están no mesmo bando como servidores da República, aínda que sexa desde ideoloxías ben distintas. Ciges identifícase máis con Ramón Franco, o aviador que casualmente vai morrer anos despois nas augas próximas ás illas, nun accidente que o fundador de Spantax e tamén piloto, Rudy Bay, non dubidará en cualificar de asasinato e sobre o que Castro quere volver outro día, “polas conexións lucenses que ten”.

_A que se refire con tanto misterio?

_No mesmo avión que Franco viaxa o teniente de Navío Melchor Sangro Torres, fillo de Pedro Sangro y Ros de Olano, marqués de Guad-el-Jelu, descendente de Juan María Quiroga y Gómez e de María Jacoba de Sangro y Taboada, propietarios do lucense Pazo de Orbán e Sangro, e parente pola mesma razón do coñecido xornalista Melchor Miralles Sangro, que estivo en Lugo convidado por vostede…

_Entendo… e o misterio?

_Na morte está implicado o seu irmán, de quen sen dúbida tamén escoitou falar, Paco Franco.

_¡Curullu!

No cemiterio de Ávila aparece o corpo de Manuel Ciges cun disparo na caluga, e aínda que os resultados son os mesmos, non se pode dicir con total impunidade que o exgobernador de Lugo recibise seis ou sete proxectís dun pelotón por diante, se perde a vida cun só, e por detrás.

Non se pode soster, como fai Luis Antonio de Villena, que Ciges é “brutalmente fusilado”, e non por quitarlle ferro ao asasinato, senón por respostar á realidade. Segundo ten ben estudiado Jesús Arribas, o gobernador que vai de muralla en muralla foi posto en liberdade, e pasaportado como Miguel Ángel Blanco, na cidade onde non hai prostitutas, de acordo cun cartel chantado en Ávila durante moitos anos.

Ciges non foi fusilado (VIII)

Sábado, 13 de Julio, 2013


Manuel Ciges Aparicio, na páxina do seu biógrafo, Jesús Arribas

O xeito que tiña Luis Ciges para vivir facéndose pasar por espía alemán en Lugo ¡sorpresa!, é descoñecido para Castro.

_Se alguén tivese información diso, ou de se chegou a vivir no Goberno Civil de Lugo, agradeceríalle que a compartise.

Falando do seu colega Andicoberry xa vimos a seu pai, Manuel Ciges Aparicio, vencellado a El Imparcial. Nun momento da súa vida cae enfermo e recoméndanlle o clima de Quesada, o pobo xienense onde nace Josefina Manresa, a muller de Miguel Hernández.

Alí atopa unha sociedade fortemente clasista e caciquil, dúas circunstancias que lle inspiran a redacción doutras tantas novelas, La romería e Villavieja. Como é de imaxinar, os de Quesada adiviñan sen lugar a dúbidas que Ciges está a falar deles e que eles son eses personaxes embrutecidos e oscurantistas.

Hoxe Ciges ten unha rúa en Quesada, pero no seu momento foi pedra de escándalo, ata tal punto que no ano 1953, o cronista oficial da provincia, Luis González López, anima á poboación e ás autoridades para facer un auto de fe “cos poucos exemplares que queden” das novelas e prenderlles lume nunha pira purificadora. Ao autor non lle solicita castigo algún porque leva morto dezasete anos.

Precisamente da súa morte quere falar o Dr. Castro para que se rectifiquen moitas das biografías de Ciges Aparicio. Conta o titular do bufete que ao pouco tempo de ocupar o Goberno Civil de Lugo, recibe o nomeamento para o mesmo cargo en Ávila, onde está o 18 de xullo. É comunmente aceptado que foi fusilado polas tropas rebeldes, pero a realidade é outra, como conta seu fillo Luis: “El 3 de agosto del 36, con el equipaje hecho para irse a Cuba de embajador, lo detuvo la Guardia Civil. Al día siguiente lo mataron los nacionales de un tiro en la cabeza, en el cementerio. Le robaron todo, el hombre no dejó ni una perra.”

Ciges, espía en Lugo (VII)

Viernes, 12 de Julio, 2013

Villavieja

Ciges fillo, o actor, fora en primeiro lugar un dos doentes de lepra na illa de Molokai atendido polo pai Damián de Veuster, ou sexa, por Javier Escrivá na ficción. O actor botaba pestes do seu primeiro director, Luis Lucía, e mesmo foi expulsado por el da rodaxe. Moitos anos despois, en venganza por ese trato, Ciges rompe un dos códigos non escritos da xente do cine, cal é falar das actrices que manteñen relacións cos directores a cambio de traballo.

Tamén foi un dos pobres de Plácido, grazas aos seus esforzos e a que coincidira con Luis García Berlanga na División Azul, unha das peripecias máis insospeitadas que protagoniza o actor, sabendo como hoxe sabemos o tráxico final de seu pai.

Anos máis tarde, cando participo na producción de Sal Gorda, de Fernando Trueba, con Óscar Ladoire de protagonista e Luis Ciges, de espléndido secundario, xa sei que o pai fora gobernador de Lugo antes de ser asasinado e que o seu segundo apelido _ Luis Ciges Martínez _, delata un ilustre parentesco, xa que súa nai, Consuelo Martínez Ruiz, é irmá de Azorín, quen axudara aos catro irmáns Ciges cando quedan sen pai.

Daquela penso que el sería o actor ideal para levar a vida do pai ao cine se non fose… por esa voz nasal e atiplada que consegue acender o riso de toda unha sala cinematográfica con só pronunciar catro palabras, como comprobamos tantas veces en aparicións memorables como as de Amanece que no es poco, El milagro de P. Tinto, ou a propia Sal Gorda. Non, a Luis Ciges teñen que dobralo para facer de Manuel Ciges Aparicio.

Castro, que permanecía calado fai entón unha intervención sorprendente:

_Non está confirmado se Ciges chega a vivir en Lugo co pai, pero rematada a guerra faise pasar por espía alemán nas minas do Eixe: Ourense, Pontevedra e Lugo.